City Marketing

O día 24/7 é un día especial na cidade que me viu nacer. É un día de alegría onde a cidade engalánase para facer o seu mellor city marketing do ano probablemente. Ese día pola mañá colguei unha foto nas miñas redes dos fogos do Apóstolo, como o día especial que cría que ía ser e que como todos sabemos finalmente non puido ser. Somos Grandes!!! dicía…

Que máis lle pode ocorrer a esta cidade?. Esta cidade cuns atributos como marca turística en moi boa posición que leva moitos anos facendo un city marketing envexado por moitos por ser unha cidade de pedra milagrosa, onde peregrinos, compostelans e visitantes conviven armónicamente, meta final dun camiño Patrimonio da Humanidade, xerme da idea europea e un longo etcétera que con todo leva unha rachiña ultimamente que parece que xa todo o aguanta. Explícome…

Desde hai pouco máis dun par de anos, saímos en prensa nacional e internacional con desgraza tras desgraza facendo tambalear o noso city marketing. Que un concelleiro quédase durmido nun semáforo en estado de embriaguez, un alcalde imputado e que dimite por non pagar o IVE, que un electricista rouba na Catedral o Códice Calixtino, que rouban o “Susiño” do Belén do Obradoiro e déixano nun cajero como protesta polas preferentes, que políticos imputados en Pokemons & Mangas… algún deles ata saíndo exposado e non sei cantas máis…, e agora, para rematar, ese maldito tren do despiste e a desgraza.

Si a todo isto, temos en conta o descenso do Turismo na cidade, a crise, a falta de promoción, a baixada e saída das compañías aéreas de Lavacolla, a baixada do gasto medio, a cada vez maior estacionalidad do sector, a dura batalla polos prezos e todo o longo etc que fai que o sector turístico aguante o que non está escrito soportándoo como se pode no día a día.

Pois verán, logo do visto nestes días de desgraza, e que moitos gastaron diñeiro para encher os almacéns para cubrir a suposta demanda da semana grande do Apóstolo e que logo moitos lla han ter que comer nas festas do Apóstolo máis tristes da historia, quero desde aquí romper unha lanza polo comportamento exemplar de todos os empresarios, empresas e institucións turísticas de Compostela que polo menos nesta ocasión si estiveron á altura da súa cidade: cederon habitacións, edificios para as familias, comidas e atencións de todo tipo sen rechistar, sen acordarse de todas esas desgrazas acumuladas que son moitas e desde fai tempo. Ao contrario, ninguén se acordou delas durante estes días superados polos acontecementos e a solidariedade.

Recoñezo que outros teñen máis mérito: servizos de urxencia, médicos, donantes de Sangue, veciños de Angrois etc, pero desde o meu corazonciño quero dicir que estes días sentinme orgulloso da miña cidade en xeral e do meu sector turístico en particular pese á desgraza mediática acontecida sobre as costas do noso city marketing. Moitos dirán ¡¡¡que menos!!!…, pois si, pero ademais de selo hai que parecelo.

Está claro que a situación superounos a todos. Eu mesmo paseima no hospital cun amigo que ía no tren, ao que grazas a non sei quen, non lle pasou nada. Situacións así provocan unha reacción natural de solidariedade cara a quen as padece, pero o comportamento de dar unha salto adiante para axudar desinteresadamente nos honra como sector, como cidade e como persoas.

Mirando ao futuro con esperanza, creo que temos industria, sector, city marketing e turismo para tempo na Cidade de Santiago de Compostela. Merecémonolo e nolo curramos. E unha reflexión…si tivésemos a mesma conciencia colectiva para as desgrazas que para traballar todos da man nos negocios e intereses dun sector, na que nos unen máis cousas das que nos separan, probablemente seriamos imbatibles!!!!!.

Como dixen ese día pola mañá nas miñas redes: Compostela, Somos Grandes!!

Categorías: BlogueInicio

0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *