Madrid e Fitur, Dous días na xungla de asfalto

Dous días na xungla de asfalto

A vida regálache algunha desas poucas situacións que mesturan, con estrañeza, a alegría e a sensación de decepción: un deses momentos é regresar aos lugares da infancia ou da mocidade. Ou a Fitur. O regreso, eira do desespero con semente de virtude. Dacordo, deixamos a lírica e centrámonos. Pasaron uns cantos anos desde que fomos a Fitur por última vez. Atopamos a feira como os recunchos da nosa adolescencia: algo mudada pero igual no fondo. Aínda que queremos destacar que tanto Fitur como Madrid convertéronse en experiencias tan abrasivas que en 48 horas lograron embrutecernos. Explicámonos.

Este post non vai de acumular, unha detrás doutra, novidades, anécdotas ou sorpresas que sucedan no pavillón expositivo. Existen grandes crónicas de mellores profesionais da comunicación á súa disposición. Este é un relato algo máis persoal, sobre as cousas que alí vimos, as persoas que nos atopamos e as singularidades coas que tropezamos.

Co noso estrito apego pola veracidade, temos que dicir que a viaxe comezou moi ben: voo de Ryanair destino Madrid con saída a última hora da noite. Foi tranquilo, ao xeito, con asento asignado e, de novo grazas, sen toque de cornetín infernal. Chegamos con dez minutos de antelación así que os comezos foron prometedores.

Ás once da noite xa andabamos Madrid coa cabeza posta na reunión que tiñamos ao día seguinte, que non era en Fitur precisamente. A primeira cita da mañá era cun grupo hoteleiro (no que se agrupan 42 hoteis, case nada) para desenvolver unha proposta que lles presentamos con anterioridade. Tocou frugal cea de bocadillo no Museo do Jamón máis próximo e a pechar a presentación que faría ás once da mañá do día seguinte. Persistencia. Repetición.

Alá lanzámonos con dirección á Calle del Pez, con toda a ilusión. Moi motivados. Aquí que empezan as nosas aventuras embrutecedoras. O primeiro, un “pintoresco” taxista coa educación e bos xeitos dun de Atapuerca que case nos bota do taxi porque non estabamos seguros da dirección á que ir e, ademais, non tiñamos cambio. Si, estívonos ben, claro que si. A situación non foi a maiores porque nos embrutecemos a nivel capitalino: arranxamos as voltas, aparecemos no lugar. Misión completa.

Chegou o día seguinte e a reunión: alá foron dúas horas entre exposición e ovación final (xuramos que isto é certo) que oxalá se traduzan en traballo. Tivemos a feliz ocorrencia de dar unha volta pola Latina, zona de Sol e o Real. Quixemos recordar vellos tempos e o primeiro que atopamos foi o famoso Mercado de San Miguel, ateigado con todo o que pode encher un mercado: xente, produto, máis xente…A primeira nota triste foi ver o mostrados dunha presunta marisqueira galega na que se anunciaban mexillóns chilenos como galegos. Cousas da vida, que nunca aprendemos.

Como tiñamos máis reunións programadas para a tarde, tomamos un pequeno xantar na zona do mercado da Cebada. Unha empanadilla, un pincho tortilla, un par de refrescos e un café. A conta, di? Alá voaron quince pavos. Ademais, o refrixerio estivo amenizado por unha camarilla de africanos vendendo froiteiros, xente pedindo, músicos tocando e demais distraccións que, por suposto, non molestaron. Aínda estabamos de boa cara pero notabamos como fervía o embrutecemento nas nosas entrañas a medida que repetiamos “non”. Trinta minutos, trinta “nons” son moitas negativas, fáganse cargo. Son moitos “non quero nada”.

Logo de rematar as reunións da tarde, todas en Madrid, xuntámonos con compañeiros de batalla e fatigas de Fitur. Intercambiamos impresións sobre como ía a feira nunha agradable terraza da praza de Santa Ana. Alí, ao abrigo dunha seta calorífica, estábase de marabilla menos pola presión dos camareiros, preguntando moitas veces “si queriamos comer algo”. Seis veces ofreceron a carta. Prometémoslles que ata a terceira vez, declinamos ver o menú cun sorriso na cara. Pero o embrutecemento regresou: “Como sigas así non imos pedir nada”. Malia a nosa advertencia, volveu ofrecer a carta unha quinta e unha sexta vez. Marchamos a outro sitio a cear.

De camiño, o arrase de “ven a tomar unha copa aquí”, “cómprame isto”, “toma o outro” nun traxecto de menos de cen metros. Os niveis de embrutecemento subiron, vaia que si, pero é que esta turistificación inxustificable acaba coa paciencia do santo Xob. Ao final, optamos por seguir sen contestar a ninguén nin mirar ningunha mercadoría, malia que ignoralos tampouco é que servise de moito. Atravesamos a Porta do sol e o embrutecemento seguía crecendo: contestacións como nunca aos máis que insistentes vendedores ambulantes que querían colocar xénero como fose e ao prezo que fose.

Ao día seguinte por fin chegou Fitur. E como sempre, aínda non se decatan. Houbo cambios, é certo pero non foron tan profundos nin relevantes: colas para entrar, colas para lograr a acreditación, colas e máis colas para facer calquera cousa. Un sinxelo passbook cun código QR resolvese todo isto pero a organización de Fitur e a súa relación coas TIC son as que son.

Aínda non se decatan.

Houbo melloras e novidades na feria

Houbo melloras e novidades na feria

Trocos en Fitur

Unha sorpresa agradable foi o workshop. Dixémonos:” Algo debeu pasar en Fitur para que logo de 25 anos lárganse un workshop para que a xente faga negocio e non se limite a pasear o coma señoritos, que era o máis propio de Fitur”. Bo, non queremos ser hiper-críticos, podía organizarse mellor: a xente estaba algo perdida e mataban moscas con canóns. Ían sen axendas casadas e con concreción. Pero bo, fixérono e aplaudimos. Non vaia a ser que se arrepintan.

Outra sorpresa agradable foi a boa impresión que deixou Fitur. Parecía mellor que outros anos; esta edición parecía un despegue para a feira. Dicimos, sinceramente, que nunca viramos corredores tan anchos e naves tan baleiras. Deixarémolo en que non vimos anos peores que estes e que se trataba de transmitir confianza ao sector.

E, por fin, arribamos ao stand da nosa amada Galicia. Vimos cousas que non nos desgustaron. O primeiro, queremos felicitar aos organizadores pola estandarización do gardarroupa –¡Con tíquet e todo para maleta e abrigo! ¡Gran servizo, si señor!– Despois reparamos unha zona publicitada como “Clúster de Galicia“, onde había mesiñas para celebrar reunións de traballo entre empresas. Un acerto porque a maioría destes espazos reservábanse a prensa e os meetings de traballo tiñan que celebrarse na cafetería. Imos mellorando.

Despois está o tema “lentes“. Cheas de óculos: que si unhas lupas para ver o botafumeiro, que si uns quevedos para ver un Santiago histórico de non se sabe que. Asustámonos pensando en que os seguintes anteollos que nos colocásemos virían con alcalde ou presidente da Deputación incorporado. Ao final a cousa acougouse e non houbo que lamentar sustos, aínda que nos quedamos coa dúbida de como funcionarían esas lentes de realidade aumentada no exterior, a trinta gradazos de verán e cunha resolución de pantalla que nos pareceu nociva. Conste que somos “geeks”, amamos as innovacións en dispositivos, temos boa predisposición, pero cústanos imaxinarnos á pena poñéndose “iso” para ir pola rúa. En serio. Ata Google levou unha boa no lombo coas Google Glass, como para meter esas lentes que parece que van con MS2.

E para acabar, o de sempre: moito político nos pabellones 8 e 9, seguidos por un enxamio xornalístico a soldo mentres presentaba sabe Noso Señor qué. Ían a promocionar un destino ou a sacarse lustre eles mesmos? Bo, en fin, non queremos ferir a ninguén, ninguén se nos enfade. Pero neste tema, cambiar, cambiar, non se cambiou nada. Levamos anos dicindo que Fitur é un escenario pobre para facer presentación algunha porque é unha feira na que pasan miles de cousa por minuto e é moi difícil captar a atención. Pero coma se nada, aí seguen indo. Total, non queremos seguir co embrutecemento. Cada un ten o seu papel e iso respectámolo.

As alegrías proporcionáronnolas os asuntos que fomos mover e dos que en breve terán noticia. Un grupo de socios-amigos e o que isto escribe fomos a traballar no concreto e tivemos unha gran acolleita, aínda que silenciosa. Tivemos boa recepción nas pequenas reunións que celebramos con potenciais clientes para o noso novo proxecto, que está relacionado co Camiño de Santiago.

De verdade que en Galicia temos unha gran riqueza e aínda non somos capaces de valoralo como se debe. Tamén temos que dicir que logramos envexas e que moitos nos toman como referencia. Bastaba unha ollada polo stand de Perú (que por certo sorprendeunos para ben) e o seu Camiño Inca para entender isto que acabamos de dicir.

Regresamos nese tren marabilloso á vez que desgraciado, ligado a aquel 24 de xullo, e tivemos unha viaxe óptima; sen descalzarnos, sen quitarnos o cinto, volvemos polo módico prezo de 27 euros. En pouco máis de cinco horas e media deixounos a cinco minutos do centro de Santiago. Facía anos que non usabamos o tren de longo percorrido e repetiremos. Isto é viaxar e o outro, transporte do gando.

A única pega foi que un individuo achegounos a Chamartín a 15 minutos de que nos saíse o tren. Nun alarde de incomprensible inocencia, preguntámoslle si podíanos dar un tíquet que se nos esqueceu pedir a un compañeiro seu no traxecto do hotel ata Fitur. Díxonos “sen problema” pero que nos cobraba dez euracos polo “favor”. Máis embrutecemento: todo é bussines, pelas e máis pelas. Dixémoslle que era unha mágoa, que por suposto que pensabamos en darlle unha propina polo favor pero o feito de que lle puxese tarifa, xa nos quitou as ganas de volver pedir nada a ninguén neste Madrid, que notamos moi bruto. Será que somos máis de aldea cós carballos. E a moita honra.

En fin, queridas lectoras, estas son nosas pobres notas sobre o que nos pasou en Fitur, que sempre volve a casa logo de Nadal.


0 comentarios

Deixa unha resposta

Marcador de posición do avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *