É a segunda vez que abordamos nesta bitácora sobre a relación entre o cine e o turismo. Naquela ocasión, explicamos un pouco o traballo das Film Comission e como cada cidade española desenvolvera unha comisión encargada dos traballos loxísticos que carrexa unha produción audiovisual, que son moitos: o equipo ha de contar con aloxamento, catering, permisos municipais, etc. Como explicabamos no anterior post, as comisións actuaban como portelos únicos que realizaban un labor de mediación entre as produtoras e as institucións nas que se filmaba tal ou cal produción. Tamén contamos que, a raíz da triloxía de ‘O señor dos aneis’ a tarefa das filme comisión deu un salto e colocouse na zona da promoción turística. Pero fenómenos da Terra Media hai pouco. A realidade é que o panorama da produción cinematográfica reformateouse case por completo e non sempre para ben así que nos preguntamos: turismo polas pantallas de cine ser ou non ser?
Pois ser, é. Ao longo das dúas últimas décadas o acceso masivo ás redes e o intercambio de ficheiros vía P2P poida que manquen as perspectivas económicas dos estudos e as produtoras. Como en calquera capa social, unha crise afecta segundo o tamaño: os grandes reséntense —ese empeño nas producións de superheroes indica que en tempos de inquietude é mellor buscar un valor refuxio– os medianos pásano mal e intentan diversificar e buscar saídas alternativas e os pequenos, pois xa imaxinan. Ante este panorama, os poderes e a importancia das Film Comission ou ficaron reducido ou esvaéronse directamente. Non se entendeu o seu traballo e a súa importancia tanto para a promoción turística como para os negocios do sector: hoteis, restaurantes, empresas de catering, etc.
O caso é durante a década pasada, en Galicia as Film Comission fixeron un traballo excelente: a nosa comunidade converteuse nun plató fixo para todo tipo de producións que atoparon aquí un bo traballo organizativo, uns profesionais altamente cualificados e un lugar sinxelamente impresionante. Para que mentir. A crise cambiou o modelo de produción e agora a iniciativa recae sobre as televisións, que actúan segundo os seus propios criterios de produción, pero os seus éxitos seguen repercutindo no turismo.
Un exemplo atopámolo no último gran éxito do cine español: ‘Ocho apellidos vascos’. Non só varreu na taquilla e converteuse nun fenómeno de masas a escala estatal: revitalizou de forma espectacular o turismo en Zumaia, unha zona rural de Euskadi que, malia a súa beleza natural e salvaxe e de contar cun patrimonio natural único no mundo (nos cantís da praia están as pegadas dun enorme meteorito), recibía visitas sobre todo polo roteiro do Flysch, obrigado para os xeólogos do mundo. O goberno vasco calculou un aumento do 9% nun só ano. E o mellor de todo: sacaron turistas de zonas nas que a imaxe de Euskadi estaba mediatizada por cuestións políticas. A mudanza do perfil do turista é innegable.
Turismo grazas ás pantallas
Outros casos son os do deserto de Tabernas en Almería, onde se rodaron os míticos spaghetti western e que se sucederon entre momentos de reivindicación e de perda de relevancia, xa que os recursos turísticos de Almería e Andalucía son impresionantes. Un pouco como en Lanzarote, escenario habitual de moitas películas e series (a última que lembramos en Doutor Who, onde o parque do Timanfaya foi unha máis-que-perfecta Lúa) pero que non necesita estas promocións para recibir riadas de turistas cada ano.
Ata entre producións televisivas españolas comeza a haber un cambio que arrastra a televidentes e móvelles a curiosidade necesaria como para facer unha viaxe aos lugares nos que se ambientan: aí está o éxito da serie ‘Isabel’ –que ten un ‘spin off’, ‘Carlos V’–ou máis recentemente ‘El ministerio del tempo’.
O papel das Film Comission segue sendo válido, aínda que cambien os interlocutores e non se trate tanto con productoras de cine como con subdivisións de grupos mediáticos nos que o cálculo de custos é diferente. Pero non son un gasto superfluo. De feito, atopamos como apenas poucos meses a Comunidade de Madrid pasou de pechar a Film Comission a ofrecer axudas para impulsar o turismo cinematográfico.
Éxitos como de películas como Mar adentro ou A mala educación, ou A pel que habito (por citar algunhas que se proxectaron en circuíto internacional) e o prestixio co que contamos entre realizadores de primeiro nivel pola profesionalidade loxística non se poden tirar ao lixo. Os datos de rodaxe e o seu impacto económico nos sectores turísticos locais caen pero ao mesmo tempo demandamos unha saída audiovisual ao potencial turístico da comunidade.
Pode ser hora de que atemos cabos e salgamos a buscar esa gran película ou serie de televisión, considerado o novo formato de consumo artístico para adultos, que nos faga estar de novo no lugar que por traballo nos merecemos.
Ou a vostedes non lles parece de cine?